Os revisores do metro existen

Nenos, debo comunicarvos, advertirvos, prevenirvos, por se algunha vez visitades Barcelona, ¡que o carteliño do metro que ameaza cunha multa de corenta euros se non levades o billete vai en serio! Esta mañá, camiño da facultade (media hora tarde, polo do butano), coma tódolos días no metro, medio que odio e adoro a partes iguais, sucedeu algo moi estraño, algo que nunca vira no tempo que levo en Barcelona, tres meses xa. Estaba tan tranquila lendo o libro sobre Fernando Alonso que escribiu Víctor Seara (está bastante ben, recoméndovolo; a pesares de que ou Alonso é perfecto ou, máis probable, Seara o idolatra demasiado), cando unha mulleriña baixiña, regordeta, cun abrigo morado e un aparello estraño na man (parecido a ese que teñen os da ORA) se parou diante miña. Parecía que esperaba algo de min... ¡pero que! E entón pronunciou as palabras máxicas: "el bitllet". ¡Aaaahhh! !Eso era un revisor! Bueno, unha revisora. Mira que vin carteis publicitarios animándote a paga-lo billete de metro, pero xa dicía eu que moito civismo esperaba Clos dos seus cidadáns... Cando levantei a vista, vinos a todos. Ían en manada, un grupiño de cinco individuos, catro mulleres e un home, tres mulleres baixiñas e regordetas, unha algo máis alta e un homiño que case pasaba desapercibido entre elas. E todos co seu abrigo morado e o estraño aparello... ¿servirá para poñe-las multas de 40 euros? ¡Que calafrío! A min non me tocou nin a ningún dos que ían no meu vagón, así que espero non saber para que serve o aparatiño, non vaia ser que teña que desfacerme de corenta euros para averigualo. ¡A miña curiosidade non chega a tanto!
P.D.: Esa foto non é miña, saqueina de internet.


0 Comments:
Publicar un comentario
<< Home