Alonso&McLaren: equipo gañador

Só hai unhas horas que saltou a noticia de que Alonso fichará por McLaren a partir da temporada 2007 e os sitios de Fórmula 1 de internet (por exemplo, o blog de Telecinco, o portal asturiano Asturlink) están saturados de comentarios, especulacións e opinións a favor ou en contra da decisión de Alonso. Unha decisión sorprendente para a afición, moi arraigada nunhas cores que non só simbolizaban un equipo, senón un pobo. Moitos se senten defraudados e incluso consideran isto un acto de traición por parte de Alonso cara a unha escudería que o levou da man desde os seus primeiros pasos na Fórmula 1 ata convertelo en campión do mundo. Sen embargo, para chegar ó máis alto e, sobre todo, manterse, hai que saber toma-las decisións adecuadas; algo que Alonso, e as persoas que están ó seu redor, sabe facer moi ben.
Neste caso, penso que volve ser unha decisión acertada. McLaren é un equipo que está renacendo. Un dos mellores equipos da historia, con seis campións do mundo pilotando os seus monoplazas e en pleno proceso de rearme. No 2005 deu o disparo de advertencia, volve pisando forte; pero no 2007 será un equipo que continuará na vangarda do desenvolvemento técnico, cun importante patrocinador procedente de Ferrari, Vodafone, e cun campión do mundo outra vez nas súas filas. Non sabemos como evolucionarán os demais equipos, Ferrari ten moito que dicir aínda, por suposto; e, posiblemente, ó mellor rival de Alonso nas súas filas, porque é moi potente o rumor que afirma que Raikkonen ten un preacordo coa escudería vermella para suceder a Schumacher no 2007. En canto a Renault, posiblemente xa non exista. Este é o punto clave da ecuación: a posible desaparición do equipo Renault. ¿Por que? O novo presidente de Renault, o brasileiro Carlos Goshn, seica non ten demasiado interese en mante-la escudería, polo que é moi probable que ó final da temporada 2006, ou a seguinte como moito, cando remata a vixencia dos Pactos da Concordia (un acordo entre as escuderías que regula as relacións comerciais dos equipos), venda o equipo e se dedique unicamente a fabricar motores para os demais corredores. Se isto é certo, a decisión de Alonso xa non sería axeitada, senón inevitable.
Sexa como sexa, a temporada 2007 será todo un espectáculo digno de presenciar. Ademais, outro shock será a desaparición de Michelin da competición facilitando a permanencia de Bridgestone como única marca de neumáticos... Non sei que tan boa cousa será que haxa un só proveedor de gomas. ¡Pero non ninguneemos o vindeiro campionato! Estreamos sistema de clasificación en tres tandas (que vos explicarei outro día porque é complicado), volveremos a disfrutar dos cambios de neumáticos en boxes durante as carreiras, veremos se Ferrari se espabilou (que debería, porque o pasado ano, vendo que tiña o campionato perdido, imaxino que se dedicaría a prepara-lo seguinte, e se non o fixo, debera) e, como non, a loita de Alonso con Renault por revalida-lo título do Mundial de Fórmula 1. Porque os que afirman que Alonso se verá perxudicado por parte do equipo debido á súa marcha, están moi equivocados. Renault quere gañar e Alonso é a mellor baza que teñen, un novo título para a escudería sempre é bo. E se finalmente desaparece, máis razóns aínda para apoiar a Alonso e obter un novo título. Señores, ¡o espectáculo está servido!


0 Comments:
Publicar un comentario
<< Home